Monday 29 de April de 2024

A Xunta e a Universidade da Coruña reforzan o seu compromiso por impulsar os controis de calidade dos produtos petrolíferos


O acordo beneficia a consumidores e usuarios ao supervisarse os produtos petrolíferos que se encontran á venda en Galicia

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de renovar coa Universidade da Coruña (UDC) o convenio de colaboración que ten como obxectivo realizar un control de calidade dos produtos petrolíferos galegos, o que contribúe a garantir a súa seguridade, ao tempo que impulsa a protección dos consumidores e o fomento da investigación científica.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e a UDC logran con este acordo manter o control sobre os produtos petrolíferos á venda na comunidade en beneficio de consumidores e usuarios. Así, o Laboratorio de Combustibles – Labcom, dependente da Universidade da Coruña e situado no Centro de Investigacións Tecnolóxicas de Ferrol, avaliará ata 25 parámetros por combustible ou carburante. Ademais, estes controis permiten cumprir coas directivas de calidade de Europa en materia de combustibles e carburantes.

A través deste convenio, que dá continuidade ao traballo feito entre Xunta e UDC neste ámbito desde 2002 e que se traduce nun beneficio para os consumidores, o Labcom da Universidade da Coruña realiza unha media de 800 controis ao ano, nos que se analizan gasolinas, gasóleos, fuelóleos, gases licuados do petróleo (butano e propano) e gas natural. O convenio tamén cobre, ademais dos controis, actividades de investigación e formación.

O Labcom é o único laboratorio dentro da comunidade autónoma que conta coa acreditación ENAC para a realización de ensaios de produtos petrolíferos e, polo tanto, cos recursos materiais, técnicos e humanos e coa experiencia necesaria para facer fronte aos traballos marcados.

Adicionalmente, cun investimento global de 307.900 euros, o convenio entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Universidade da Coruña, dentro do espírito de cooperación para o desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia, permite potenciar a investigación sobre produtos petrolíferos, así como as actividades de formación de novo persoal investigador e de profesionais altamente cualificados en materia de análise de combustibles, a contratación de novos investigadores e a difusión dos resultados colleitados.

Nesta mesma liña, o Labcom imparte formación ao persoal técnico da Consellería para garantir o correcto manexo dos datos e resultados das mostras efectuadas, ademais de formar a estudantes de terceiro ciclo, grado e ciclo medio de laboratorio a través da realización de prácticas.